Mércores, 15 de maio de 2024.- O Concello de Monterroso programa un 17 de maio con varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas. A primeira delas será ás 11:30 horas no Centro de Interpretación e Museo das Feiras e consistirá na inauguración da ‘Sala dos Escritores’.

A sala que se vai inaugurar é unha das tres que se atopan na planta alta do Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, a vila das feiras’. En concreto, váiselle dedicar esta sala a persoeiros da cultura de Monterroso baixo o nome ‘Sala dos Escritores’, en recordo e homenaxe a cinco escritores.

A sala vai estar composta por cinco vitrinas dedicadas a cadanseu escritor: o párroco Carlos Méndez Vázquez, Lorenzo Varela, Antonio Yebra de Ares, Teolindo Cortiña Toural e Miguel Yebra Varela.

Na inauguración van intervir Ana Vila, Adolfina Mesa, Pablo do Batán e Fernando García Penas.

No mesmo acto vanse recibir as doazóns da familia Méndez Vázquez e das familias Yebra de Ares e Yebra Varela, que fixeron entrega de obxectos e diverso material para as vitrinas e para o propio museo.

De seguido, haberá unha ofrenda floral a partir das 12:30 horas no Espazo Cultural Lorenzo Varela. O acto de clausura correrá a cargo do alcalde de Monterroso, Eloy Pérez.