O Camiño de Santiago

CONCELLO DE MONTERROSO

O CAMIÑO DE SANTIAGO

CAMPING DE MONTERROSO

AREA RECREATIVA A PENEDA
MÁIS INFORMACIÓN:
www.campingmonterroso.com
TELÉFONO: 982 377 501 / 637 462 403

OFICINA DE INFORMACIÓN TURÍSTICA

(ESPAZO CULTURAL LORENZO VARELA)
RÚA FALCATRUEIROS
ATENCIÓN AO PÚBLICO:
TELÉFONO 982 377 814
HORARIO DE LUNS A VENRES DAS 9:00 ÁS 20:00 H

CRUCEIRO DE LAMEIROS LIGONDE

CONCELLO DE MONTERROSO

O CAMIÑO FRANCÉS AO SEU PASO POR MONTERROSO

O Camiño Francés de Peregrinación a Santiago transcorre pola parroquia de Santiago de Ligonde en Monterroso ao longo de varios quilómetros e toca circunstancialmente a parroquia de Santa María de Salgueiros, pois esta última ten un dos seus marcos divisorios ao pé do camiño á altura das Ventas.

O paso da vía de peregrinación aportou unha configuración senlleira á parroquia de Ligonde, adaptándose ás necesidades que impoñía o transcorrer continuo de viaxeiros cara a Santiago.

No territorio da parroquia houbo dous hospitais, o rexentado polos Ulloa no medio da aldea de Ligonde cuxo orixe se remonta polo menos aos primeiros anos do século XV e que segundo se deriva da toponimia, erguíase no soar que na actualidade ocupa a Casa do Correo, coñecida aínda polos maiores do lugar como A Casa do Hospital; e o de Pena Godón, do cal sabemos por un preito entre os beneditinos de Ferreira e os templarios de San Fiz do Ermo que xa existía no 1241. Esta casa estaba nas inmediacións da via francorum para protección dos camiñantes, foi estudada por José Regueira e por Rosario Valdés Blanco-Rajoy, estaba nos termos de Ligonde unha vez pasada a Capela de Madanela de Ventas de Narón. Alí onde se erguía, a toponimia aínda testemuña con rigor o nome dun manancial como A Fonte do Mosteiro.

Tamén para o acubillo dos romeiros serviron a igrexa parroquial de Ligonde e a capela de San Marcos.

A igrexa de Santiago de Ligonde

A igrexa parroquial de Ligonde está situada nas inmediacións do Camiño Francés. Foi construída baixo estilo Románico rural. Presenta paredes feitas en perpiaño, algúns tramos do exterior teñen “pedra vista”, é dicir, sen recebar.

Da primitiva fábrica románica só conserva o arco triunfal e un tramo duns dous metros de parede na que se sitúa unha porta lateral. No muro norte da nave encontramos unha pedra aparecida na restauración do ano 1997 cunha inscrición. Podería tratarse da pedra fundacional. Pódense ler as seguintes letras: HESTA CAPILLA HICO ANO (…). Parte do texto desapareceu polas obras de repicado da parede.

O frontis perdeu o seu primitivo estilo románico, nel a espadana remata en dous campanís para sendas campás e presenta porta principal alintelada.

A porta lateral, de moi pouca altura, presenta lintel apoiado en ménsulas.

Xa no interior, o arco triunfal é de medio punto, lixeiramente apuntado, peraltado e dobrado. Presenta dobre arquivolta cuxa moldura se decora en xadrezado. Dos seus tres tramos, os dous exteriores descansan sobre o muro, mentres que o interior descarga o seu peso nunha pilastra embebida na parede. As columnas érguense apoiadas en basas de tipoloxía ática.

No plinto esquerdo obsérvanse dúas aves, unha de costas á outra, están picando grans e ramas. Baixo as mesmas aparece decoración de ramilletes. Nos bordes do plinto atópanse dúas pequenas cabezas.

O plinto dereito está decorado cunha greca en forma de eses deitadas e entrelazadas. Os extremos das eses forman follas alongadas. Unha das dúas garras que aparecen sobre o plinto foi decapitada.

As pilastras divídense en dous tramos por un anel nos fustes formando unha faixa de billetes a un pouco máis da metade da súa altura.

Os capiteis sobre os que descansa o arco están decorados con motivos vexetais (follas cuxo remate é unha bola, entrelaces de perlas e follas nunha mandorla).

A pía bautismal áchase ao lado da parede sur da nave, aínda que a súa localización orixinaria era ao lado da porta principal. É un exemplar de cantaría, a cunca ornaméntase con finas incisións na pedra con forma de medias lúas. Está cuberta cunha tapadeira de castiro.

Existe outra pía de factura menos elaborada pero moi similar á anterior. Realizada tamén en cantería, de base hexagonal e cúpula invertida para almacenar a auga. Non loce decoración. Na actualidade serve de soporte para a mesa de celebracións, razón pola que se lle engadiu unha base para tal fin.

Hai un terceiro recipiente para a auga bendita, tamén de pedra coma os anteriores, atópase embebido na parede, exteriormente exhibe forma máis ou menos cilíndrica e no interior mediante rebaixe, dispón dunha cazoleta.

No libro de Novo Cazón sobre o priorato santiaguista de Vilar de Donas hai documentación sobre esta igrexa desde mediados do XIV:

eu Gomes Aras, clerigo e prelado da iglesia de Santiago de Lygonde, en meu nome e da dita iglesia, querelando e en juyço, pono en como a dita mina iglesia de Lygonde aia enna fygligia de San Christovoo, por jur de herdade.

No atrio, rozando coa parede este da igrexa atopamos un enreixado de pedra. Hoxe pasa bastante desapercibido porque foi enchido de terra, malia ter sido pensado para estar baleiro e evitar así o paso dos animais ao camposanto. Outras igrexas próximas tamén comparten con Ligonde este método de control de animais nas inmediacións da igrexa (Santa María de Arada, Santa María de Pedraza, etc).

No interior da igrexa, nos seus muros, e nas inmediacións consérvanse monumentos funerarios importantes. Tales como:

O Bebedoiro da Eirexe

O Bebedoiro da Eirexe é un sartego semiantropoide que polos seus trazos se pode catalogar como medieval. Atópase colindando coa vía de peregrinación, e foi traído dende o lugar chamado As Chousas da Eirexe para darlle a función de pía de auga. Esta última localización está sendo moi problemática para a conservación da peza.

 

Sarcófago prerrománico con inscricións (pedras laterais) e baixorrelevo (pedra superior) de Daniel no foxo dos leóns

Dentro da igrexa atópanse os restos dun sepulcro prerrománico que foron encontrados no camposanto. Nel obsérvase unha inscripción que foi descifrada por Nicandro Ares Vázquez e recollida por Jaime Delgado como:

HIC IACET: PETRVS

+FAmvLvs DeI:QuI FUNDAVIT ECclesiAm

ERA IªCª

(Aquí xace: Pedro/ servo de Deus: que fundou a igrexa na era milésima centésima (1100).

Segundo a hipótese defendida por Jaime Delgado na obra El románico del Camino Francés de Santiago (pp.311 y ss.), estas seis pedras constituían a parte superior dunha lápida sepulcral cuxo fronte parece que é unha gran chanta decorada en baixorrelevo coa imaxe do mártir Daniel no foxo dos leóns.

Esta lápida frontal atópase encravada no muro na marxe esquerda da porta lateral da igrexa. As súas dimensións son dous metros dez centímetros de largo por sesenta centímetros de ancho. Encontramos no centro unha escena esculpida en superficie plana e cos mesmos baixorrelevos planos, de labra filiforme. Trátase dun personaxe con túnica e a ambos lados dos animais en actitude feroz e cos rabos erguidos sobre os seus lombos. Unha ave forma parte del conxunto situándose detrás do león dereito. Debaixo desta imaxe aparece unha inscrición coa seguinte lenda:

+RANEMIRVS FECIT (Ramiro realizouna)

á que seguen as letras alfa (α) e omega (ω) que segundo a Apocalipse e a versión aportada por Jaime Delgado (p.313), podería interpretarse como Cristo es principio y fin de todas las cosas.

Sepulcro con heráldica

Igualmente dentro da igrexa atópanse formando parte da superficie do chan dúas pedras que constituían unha lápida. Malia que a unha delas lle falta un anaco, aprécianse dous escudos ovalados, coas armas dos Varela (Lameiros). Na outra pedra as barras e a árbore coa fouce ao igual que na Casa de Carneiro. As armas representadas en ambas pedras son a dos Varela, Piñeiro, Traba, Ulloa e Montenegro.

Sepultura dunha orde militar

Debaixo da porta principal da igrexa áchase unha laxa na que se atopa esculpida unha cruz-espada dunha orde militar. Pola proximidade de San Fiz do Hermo e pola similitude doutras aparecidas no camposanto de Santa María de Marzán podería tratarse dunha insignia templaria.

A capela dos Lameiros

A capela de San Marcos, tamén chamada dos Lameiros, é unha edificación de pequenas dimensións, con paredes de cantaría, e cuberta de lousa a dúas augas, os cumios e a parte superior de cada tramo da teitume recubriuse con tella.

No frontis da capela escudo con helmo e lambrequines, cuartelado con nove jaqueis, insignia dos Traba, árbore e fouce dos Piñeiro, peixes e faixa dos Gaioso e as tres palomas sobre poste dos Seixas.

Esta capela forma conxunto coa casona de Os Lameiros e coa cruz que se atopa no camiño de peregrinación a uns catrocentos metros de distancia. Posúe una sinxela espadana da que colga unha pequena campá.

Nela celébrase a festividade de San Marcos cada 25 de abril.

 

A capela de Comeás

A Capela de Comeás é un exemplar da arquitectura relixiosa rural de finais do XX, sen un estilo definido nin trazos artísticos que nos leven a un maior afondamento na mesma. A diferencia dos demais edificios relixiosos da parroquia, non serviu para dar acubillo aos peregrinos, tanto pola súa recente edificación como pola súa situación moi afastada do paso do Camiño Francés.

Se continuamos coa arte relixiosa da parroquia é preciso referirse aos seus tres cruceiros e unha cruz.

Cruceiro dos Lameiros

O Cruceiro dos Lameiros é sen dúbida o máis famoso da bisbarra da Ulloa, atópase uns metros apartado do camiño de peregrinación, na finca denominada Chousa da Cruz, a man esquerda en dirección a Santiago, nun lugar intermedio entre Os Lameiros e a aldea de Ligonde.

A nivel técnico presenta un Cristo de factura tosca no anverso e unha Piedade en mandorla acollendo ao seu fillo morto.

O fuste elévase sobre pedestal decorado con catro caras. Reproduce os diferentes símbolos da paixón de Cristo (martelo, tenaces, unha caveira con dúas tibias e a coroa de espiñas). Presenta tamén unha inscrición que di: D. ARES CONDE I ULLOA ME FECID AN (o) 1674.

Historicamente formou parte do conxunto constituído por Casa-pazo dos Lameiros, capela e cruceiro.

Este cruceiro tense convertido nunha icona, ten servido tanto en representación da parroquia de Ligonde, como ter sido a imaxe que resume o paso do Camiño Francés polo concello de Monterroso.

Cruz do antigo cemiterio de peregrinos

No soar do antigo cemiterio de peregrinos áchase unha cruz latina lixeiramente moldurada, sobre un poio, apoiada nunha pirámide graduada, a cal a súa vez atópase na cima do muro que cerra a finca.

Ligonde ao igual que a limítrofe parroquia de Lestedo (Palas de Rei) contou cun cemiterio para aqueles camiñantes que se dirixían á tumba do apóstolo Santiago o Maior e enfermaban sen remedio.

O cemiterio de peregrinos atópase na marxe dereita do Camiño, está no medio da aldea de Ligonde, entre A Casa de Frías e de Curra. Malia seguir repousando alí restos humanos, poucos son os elementos delatores do seu pasado: unha cruz moldurada que se ergue sobre un pedestal e unha pedra con forma angular a que lle desapareceu a cruz. Esta última pola súa forma é a típica pedra sobre a que se situaba o símbolo cristián e que servía para identificar o espazo no que había un corpo enterrado. Ambas canterías modeladas, cruz con pedestal e base para suxeitar unha cruz áchanse sobre o muro que separa o cemiterio do Camiño. A cruz moldurada era a que anunciaba a existencia do cemiterio. Segundo a información vertida polos habitantes da zona, a localización orixinaria da cruz correspondíase en gran medida coa actual, exceptuando que estaba como un metro máis afora antes de efectuar o ensanche da pista. Parece que as dimensións do cemiterio eran de aproximadamente uns vinte metros de largo ou un pouco máis, por uns cinco ou seis de ancho. O largo pódese apreciar aínda na actualidade porque o fronte do cemiterio lindaba co camiño de peregrinación. No que era a fachada do cemiterio consérvase un muro de pedra en boas condicións, en contraposición co resto do muro frontal da finca, que está feito en terra con algunha pedra en medio.

Recibe os topónimos de Cemiterio dos Romeiros, Horta do Hospital, Horta dos Romeiros e tamén Nabal Grande.

Cruceiro da Eirexe

Nas inmediacións da igrexa parroquial áchase unha cruz florenzada sobre capitel moldurado invertido, apoiada nun estilizado fuste sobre alto toro-pedestal con rebaixamento crecente a partir dunha primeira parte en prisma. Elévase sobre dous chanzos, e con pousadoiro ao lado.

Segundo os seus trazos tipolóxicos é un exemplar do século XIX con pousadoiro. Dela dise en Apuntes sobre los municipios de la ruta xacobea:

tiene una basa formada por dos escalones sobre los que se sitúa un alto pedestal, con forma de prisma de primera mitad y con rebajamiento creciente según se va elevando, la segunda, finalizando en un cuerpo que podríamos identificar con un toro. Posee fuste de planta cuadrangular más ancho en la parte inferior y superior que el resto, dando aspecto de estilización, al que le sigue un capitel en forma de pirámide invertida, con ligeras molduras. Coronando el conjunto hallamos una cruz florenzada.

 

O cruceiro de Comeás

A máis dun quilómetro do transcurso do Camiño Francés sitúase O Cruceiro de Comeás, en fronte da edificación relixiosa denominada A Capela de Comeás. Trátase dun cruceiro sobre un pedestal de tres chanzos, é de factura moderna, conta con catro décadas de antigüidade e está realizado en cantaría.

A maiores da arquitectura relixiosa, Ligonde tamén conta con importantes edificacións representativas da arquitectura civil tanto de orixe nobiliar como de procedencia labrega.

Casa dos Lameiros

O conxunto formado por esta Casa Grande, a súa capela e os alpendres anexos, sitúase antes de entrar na aldea de Ligonde a man dereita uns cento vinte metros desprazada da ruta xacobea. Trátase dunha antiga casona que se remonta ao século XVII, consta de dous corpos de distintas alturas formando ángulo, é, polo tanto, de volumen composto, é dicir, edificada por agrupación de volumes simples. Está construída a base de perpiaños de cantaría, tamén presenta partes en mampostería. Na actualidade enchéronse os ocos que quedaban entre os sillares con cemento pigmentado de cor ocre. Os dous tramos da edificación están cubertos con lousas: o corpo central é a catro augas, mentras que o outro corpo, con forma rectangular, só conta con tres, porque a cuarta desaparece no extremo no que dita nave lateral se une coa principal formando dúas augas.

A casa dispón dun amplo número de vans que a distinguen das demais da zona, trátase de ventanais de dimensión considerable para tratarse dunha mansión do rural. Presentan como peculiaridade o feito de poseer dous corpos uno mayor en el espacio inferior y otro menor situado encima del anterior, de aproximadamente un tercio del tamaño del hueco más grande (Oro Cabanas, 2004:45). Un sillar serve de elemento de división entre ambos corpos. No interior formando parte dos mesmos muros que se abren para deixar paso á ventá hai pequenos bancos de pedra, un a cada lado, que parecen dispostos para sentarse e conversar y a la vez observar lo que ocurre en el exterior (Rodríguez Castro-Rial, Sánchez Rancaño y Taboada Acevedo 1996: 47). Na zona reciben o nome de parladoiros.

A casa conta con tres portas de acceso, a principal sitúase no medio do corpo central. Servindo de tornachoivas érguese un porche sobre columnas de gran, cuberto de lousas. As outras dúas ábrense no corpo lateral unha cara ao fronte e outra en dirección sur. A carpinteiría é de madera.

Como xa se apuntaba na obra Apuntes sobre los municipios de la ruta xacobea (II, p.45), os propietarios levaron a cabo tarefas de restauración desta casona, aínda que afortunadamente conservando na medida do posible a estructura e elementos orixinarios.

No 1808 a Casa Grande dos Lameiros deixou de pertencer aos Salgado ao ser vendida a Francisco Rojo García, natural de Vilareda, Palas de Rei.

Conserva os escudos de armas sobre a porta principal alintelada. O da esquerda coas armas dos Varela presenta castelo, tres flores de lis, 5 barras e dúas medias rodas de santa Catalina. O da dereita ten os escaques dos Ulloa, a árbore e o fouciño dos Piñeiro, as tres faixas dos Rivera, os peixes e faixa dos Gaioso.

A Casa dos Lameiros de Riba tivo a súa orixe nobre; pertenceu aos Ulloa e aos Salgado, desta procedencia dan boa conta as pedras armeiras que se sitúan a un lado e ao outro da porta principal alintelada.

O escudo da esquerda coas armas dos Varela presenta castelo, tres flores de lis, 5 barras e dúas medias rodas de santa Catalina. O da dereita ten os escaques dos Ulloa, a árbore e o fouciño dos Piñeiro, as tres faixas dos Rivera, os peixes e faixa dos Gaioso.

A Casa de Carneiro

Na parede que cerra o patio de acceso á Casa de Carneiro encontramos dúas pedras armeiras. O escudo da esquerda do portalón presenta os motivos dos Varela, esto é, as flores de lis, o castelo, as barras e as medias rodas de Santa Catalina. O da dereita a árbore e a fouce dos Piñeiro, os jaqueles dos Ulloa, os escaques dos Traba e a “M” coronada dos Montenegro.

Ligonde na bibliografía dos peregrinos

Por Ligonde pasou e hospedouse Carlos I (24-03-1520) e dado o bo trato recibido, otorgoulle ao lugar o “dereito de asilo”; esto é, aqueles perseguidos pola xustiza que puideran alcanzar a soleira da porta da casa de Carneiro ou dos Lameiros, xa no podían ser axusticiados. Do mesmo privilexio gozaba a capela e a casona de Os Lameiros, dado que todas estas edificacións eran de posesión dos Ulloa.

Anos máis tarde (20-05-1554) tamén o seu fillo Felipe II pasará pola parroquia camiño de A Coruña para ir casarse con María Tudor (conf. Losada Díaz y Seijas Vázquez 1982:48).

Hai alusións a Ligonde en varios dos itinerarios históricos O Códice Calixtino alude ao territorio entre Portomarín e Palas de Rei como un lugar no que os peregrinos son importunados e desviados da súa pura intención. O Itinerario de Münzer (1494), chamao “Legundi”; o Itinerario de Von Harff (1496) tamén “Legundi”; o Itinerario de Laffi (1673), “Legondi un burgo piccolo”; o Itinerario de Manier (1726), “Saint Jacques de Bigontes”.

Se Ligonde ao longo dos séculos se foi adaptando para darlle atención aos peregrinos, na actualidade conta cunha considerable infraestrutura de servizos formada por albergues, hospedaxes, restaurantes que permiten o paso e a estancia neste punto da xeografía monterrosina como unha experiencia moi grata.