Persoeiros de Monterroso

Facer unha escolma de persoas de Monterroso ou que non sendo nadas en Monterroso, levaron con orgullo este municipio polo mundo como propio, non é tarefa doada. Seleccionamos algún nomes de diferentes épocas, pero tamén poderíamos nomear outros de moito interese. Só a modo de exemplo destacar: dona Angela de la Peña, Visitación Méndez, María e Maior de Ulloa, don Francisco Salgado e Lopez de Quiroga, Miguel Yebra Varela, Antonio Yebra de Ares, Carlos Méndez Vázquez …

Ramón Díaz Rodríguez, non é oriundo da Ulloa, antes ben, naceu en Baralla no 1877. Foi tanto o seu amor por Monterroso e a súa labor social a prol do mesmo que ben merece o apelativo co que era nomeado en vida por cantos o coñecían como “don Ramón de Monterroso” (tamén foi coñecido como O Ramón)

Pasará polas igrexas de Pobra do Brollón e Cubilledo antes de chegar a San Miguel de Esporiz no 1909. Coñecido como don Ramón de Monterroso, cura de vocación e educador. Da súa man naceu a Preceptoría de Monterroso, un Seminario Menor, situado nun principio na Casa Abelairas e, máis tarde, no edificio no que hoxe está o concello; e a casa coñecida como Obreras de Jesús; ou a igrexa da vila, aínda que non viviría para vela finalizada.

Pero don Ramón será recordado en Monterroso por outros feitos, algún tan sublime que serve de referencia para imaxinarnos a súa talla humana: entre algunhas familias do concello aínda se segue recordando como ese pai que coida de cada un dos seus fillos, e non é para menos. El evitou as represalias da postguerra civil en Monterroso, el “respondeu” polos seus veciños, e este feito nunca sería esquecido en moitas casas do concello.

Do seu peto pagou os primeiros estudos de moitos rapaces que non contaban cunha economía solvente, e aínda a vocación sacerdotal de outros. A construción da igrexa da vila, chamada por moitos “a catedral de don Ramón”, centrou parte dos seus intereses, nela empregaría ata a súa herdanza.

Faleceu no 1963 en Sarria, pero os seus restos repousan dentro da igrexa que tantos desvelos lle causou a súa construción.

Teolindo Cortiña Toural (seudónimo: Antón de Sirgal)

Teolindo Cortiña Toural, non é monterrosino de nacemento, aínda que si de corazón. Naceu en Toldaos (O Incio) e finou na mesma parroquia o 29 de maio de 1972. É coñecido por ser o sacerdote de Sirgal e despois de San Miguel de Penas (Monterroso), profesión compartida coa paixón pola escrita en lingua galega. Don Teolindo tamén foi un dos famosos partilladores da Ulloa.

Integrado na vida social, intelectual e política de Monterroso poñerá todo o seu empeño en acadar unha formación adecuada para os seus veciños. Así, dirixe a comisión formada para a construción da escola de Pol coa axuda dos cartos que lle envían os emigrados a América. Ideoloxicamente definíase como carlista, aínda cando facía anos que esmorecera o Carlismo.

Dirixe un grupo de “Hijas de María”, froito desta vinculación consérvanse distintas composicións poéticas de loubanza á Virxe María.

Obras súas son Caciquismo en solfa do 1923, Recordando tempos con mor de outros tempos do 1957, Os caciques e a “nena” de 1966.

Sopeixos é unha obra póstuma, publicada no ano 1995, a edición de don Carlos Méndez.

Foi cofundador e colaborou en El Eco del Ulla, o periódico do agrarismo católico editado nos anos vinte en Monterroso.

A súa obra céntrase na loita contra o caciquismo, emprega unha lingua popular moi rica.

Lorenzo Varela

Jesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez (Cuba, 1916- Madrid, 1978) foi nado en América, pero a súa familia era monterrosina. Perpetua Vázquez Ojea, súa nai, era de A Lucencia (Lodoso) e José Ramón Varela García, seu pai, de Fufín. As precarias circunstancias económicas e de sometemento ás normas sociais moi conservadoras que se viven na súa familia orixinan a emigración da parella. Con só tres meses seus pais volven a Galicia pero no 1923 marchan de novo rumbo de Argentina. No 1930 chegan de volta a Galicia, o seu acento porteño valerálle para ser coñecido como “o arxentino”. Instálase con súa mai na cidade de Lugo, o pai volve á emigración, coincidindo coa instauración en España da Segunda República (14 de abril de 1931). No 1942 reencóntrase con seu pai pero xa como exiliado.

En Lugo abraza os ideais republicanos e unha ideoloxía marxista e nacionalista; e fai amizade con Anxel Fole e Ramón Piñeiro. Alí iníciase no mundo da creación.

Formará parte do partido Mocidades Nacionalistas e posteriormente de Izquierda Comunista.

No ano 1934 refuxiase en Madrid, despois de estar no punto de mira das forzas da orde luguesas. Alí inicia os estudos de Filosofía e Letras pero abandonará debido a súa visión da universidade como “asmática, sen un só fío de interese vital, de graza, de apaixonado espíritu comunicativo” (“El deporte griego” en Correo literario, 10 -01/04/1944-); e tamén a súa carreira literaria. A obra Diario de un fauno nunca a publicou en vida. Comeza a colaborar en El Sol.

Acabada a Guerra Civil refuxiase en México e posteriormente en Arxentina onde escribiu a maioría da súa obra. Morto Franco regresa a Madrid. Os seus restos repousan en Fufín desde 1981. No 2005 a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas.