Tradicións

Son moitas as crenzas e tradicións que se manteñen vivas en Monterroso e no conxunto da Ulloa. Así a través da literatura oral sábese da crenza en seres mitolóxicos como son:

A moura, unha deidade con figura de muller que habita en castros, mámoas, fontes, covas, e outras construcións singulares. Aparécese en certos momentos do ano coma pode ser o amencer de san Xoan e busca un home valente que as desencante. Adoita levarse ben cos nenos e nenas, pero exerce toda a súa furia coas mulleres adultas que privan con algún acto desafortunado o seu desencantamento. Sobre elas cóntanse diversas lendas en Monterroso. Tamén diferentes topónimos aluden a estes seres: A Casa das Mouras en Ligonde, A Cova de Xea en Sambreixo, o Forno dos Mouros en Pol…

Os “nubeiros” ou “tronantes“, crese que son os auténticos responsables das tormentas. Poden ter aparencia de demos ou ben ser persoas con poderes sobrenaturais. A súa especialidade é atoldar os días claros  subindo ás nubes e propiciando tormentas. Gustan de facer as súas trasnadas cando están os cereais criados e a punto para ser mallados, ou cando está a herba segada para secar. Contra eles hai certos esconxuros, coma facer repicar as campás das igrexas, sacar o san Marcos dos Lameiros enriba do muro que linda coa capela cunhas espigas na man… etc.

A Fonte de santa Eufemia atópase en Seteigrexas. É crenza popular que o manancial ten poderes de adiviñación sobre a vida ou a morte das persoas. Así cando alguén está gravemente enfermo, pódese consultar o seu diagnóstico botando unha camisa de dita persoa que estivera en contacto co corpo do doente, sobre a superficie da auga. Se a camisa flora, a persoa mellorará a súa doenza; pero se a camisa afonda o enfermo sobre o que se está facendo a consulta, finará.

-A Fonte do Castelo de Sirgal. O Castelo de Sirgal erixíase sobre o Castro do mesmo nome, nas inmediacións tamén se levantaba unha igrexa co seu cemiterio, do que aínda se conserva un cruceiro, un sartego e restos doutros. A pía da sepultura que se acha enterrada e semicuberta acumula auga que non seca en todo o ano. Na mañanciña de san Xoan algúns veciños da parroquia e doutras lindeiras acoden a lavarse alí, e, antigamente, incluso levaban o gando para previlo de posibles enfermidades.