Patrimonio

É moi abundante o patrimonio histórico e artístico de Monterroso. A continuación ofrecemos só a modo de exemplo uns contados casos:

O PAZO DE A LAXE

Conxunto de casa-torre, capela e edificacións singulares coma a casa de labranza chamada Casa dos Caseiros do Pazo, as palleiras, o pombal… situado nas inmediacións da Praza de Santa Lucía. É crenza común que para construír o pazo carretouse a pedra das canteiras inmediatas ao Castro de Sirgal, e aínda se conta que tamén para algunhas das construcións se trouxo pedras do derruído Castelo de Monterroso que se erixía enriba do que noutrora foi o reducto castrexo.

As construcións máis antigas son a capela tardorrománica e a torre.

Propiedade da familia Salgado. Beatriz Salgado e Alonso Gómez Gundín foron os seus promotores, fundando o vínculo no 1520.

O caso do Pazo de A Laxe é singular porque a historia do Pazo e a da familia Salgado están intimamente relacionados coa situación da feira e co  nacemento da vila de Monterroso no lugar que hoxe ocupa.

A TORRE DE SAN MIGUEL DE PENAS

 As pedras do Castelo de Monterroso sito en Sirgal mandado derrubar por Carlos I serviron para levantar a Fortaleza de Penas no século XVI “cuia piedra para labrarla e cierto que se truxo del lugar de Sirgal” (Armas y Triunfos de Galicia). Nos séculos XVII- XVIII pegóuselle un pazo barroco con patín e cheminea. A torre posúe tres plantas e no interior unhas orixinais pinturas góticas murais con temática erótica e tamén floral sobre morteiro de cal e area.    A técnica empregada foi o uso de cal e os retoques foron con temple proteínico.

Pertence ao marquesado de Camarasa, Casa Ducal de Medinaceli.

Unida por un corredor ao conxunto que acabamos de describir atópase a igrexa de san Miguel.

SAN LOURENZO DE PEDRAZA

Edificio de orixe Románico, conserva nunha inscrición a data da súa fábrica (1127) máis o nome do mestre de obra Petrus Didaci. Sufriu importantes reformas entre os séculos XVI e XIX.

A nave ten planta rectangular, con ábsida da mesma feitura. Posúe ventá absidal conformada por arco de medio punto apoiada en imposta de bolas. Os muros que a conforman son de cachotaría e cadeirado de granito, e a cuberta de tella a dúas augas.

Portada principal con porta de arco de medio punto, rematada en espadana de dous corpos e un só van, e balaústre de pedra.

Conserva varios canzorros da obra Románica con figuración zoomórfica e antropomórfica.

A IGREXA DE NOVELÚA

A igrexa está asentada sobre unha antiga acrópole dun castro ( “Lugar do Castro”). É unha igrexa singular cunha estrutura defensiva, a torre campanario. É de estilo románico, NAVE e ABSIDA, de tramo recto e cabeceira de tambor. Entre a nave e a torre hai un primeiro tramo románico que a converten nunha igrexa única. A imaxe exterior e completamente diferente do esquema tradicional das igrexas do románico rural. O pórtico rectangular posúe tres portas sinxelas: Oeste, Norte (Principal) e Sur con mochetas que terman de cadanseus tímpanos sen decoración.

O cubo inferior da torre é románico.

Chama a atención a fiestra con celosías pétreas no centro da ábsida, gornecida con moldura de baquetón.

De gran beldade é a portada principal, como está protexida polopórtico, consérvase en idóneas condicións malia a estar semitapada a pedra por unha man de cal. Componse de tres pares de columnas, cuxos capiteis -historiados e temas vexetais- manifestan unha rica inventiva canto a formas e unha man delicada na talla da pedra.

O tímpano apoiado en mochetas con figuración de cabezas de touro. No seu interior figuran entrelazos cruciformes e arcos. Nel aparece o nome do mestre canteiro: o Magister Martinus.

O interior da nave tamén con arco triunfal románico.

Conserva pinturas murais nas que reproduce distintas escenas do Antigo Testamento.