O Concello de Monterroso pertence á comarca da Ulloa. Dita bisbarra recibe o nome do río Ulla, dispón dunha extensión de 447,6 km2 e posúe algo máis de 500 núcleos poboacionais, ocupando o centro xeográfico de Galicia.
O Concello de Monterroso mide uns 114,6 km2 e sitúase no Suroeste da provincia de Lugo. As súas lindes son ao norte concellos de Guntín e Palas de Rei; oeste Palas de Rei e Antas de Ulla; leste: Portomarín, Taboada e Guntín; e sur: Taboada e Antas de Ulla. As súas coordenadas son 42º47´33´´N, 7º50´10´´W.
Canto aos aspectos físicos, cabe dicir que Monterroso cunha altitude duns 504 metros é pouco accidentado; cara ao Norte sitúase a Serra de Ligonde e os montes de San Simón, Pedralba e Marzán; polo leste, lindando con Portomarín o Castro de Salgueiros cunha altitude máxima de 796m. Outras elevacións de Monterroso son os Montes de Vacaloura, San Cristovo, Castelo de Ambarría, Orgoso, Cumbraos e Vilanova; sen que ningún supere os 800 metros de altitude.
O Río Ulla, que nace na parroquia de Olveda (Antas de Ulla), cruza o concello de sudeste a noroeste, formando unha fronteira natural entre os concellos de Monterroso e Antas de Ulla. Os seus afluentes principais no municipio son: O Parteme e O Lavandelo, O Sucastro, O Sirgal, O Lourentín, As Pozas, O Salgueiral e O Rial.
As parroquias de Ligonde e Marzán verten augas a outra conca hidrográfica. Regatos como O Ligonde e O Marzán correrán cara o Irixe para confluír no Ferreira, afluente do río Miño.
A rede de estradas que atravesan por algún punto o concello son:
Estrada N-640 (Vegadeo- Vilagarcía de Arousa).
Estrada N-547 (Lugo-Santiago de Compostela)
Estrada comarcal de Palas e Taboada.
Pistas locais que comunican as estradas anteriores.
Rede de pistas que comunican a todas as parroquias do municipio.
A autovía A54 transcorre por un breve traxecto da parroquia de Marzán.
Ademais conta tamén con varias liñas de autobuses con destino a Bilbao, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela.
