O Concello de Monterroso leva ao Pleno ordinario desta tarde a proposta de inicio do expediente para a cesión gratuíta dunha parcela municipal ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). O destino previsto da cesión é a incorporación do inmoble ao Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida.
A parcela, de titularidade municipal, está situada na Avenida de Pontevedra, número 15, ten unha superficie de 478 metros cadrados, dá fronte á Avenida de Pontevedra e á rúa Concepción Arenal e atópase actualmente sen edificar.
O informe técnico incorporado ao expediente avala a idoneidade da parcela para formar parte do Programa do IGVS. Entre outras cuestións, recolle que o solar está clasificado como solo urbano, que o uso residencial é compatible co planeamento municipal, que dispón dos servizos urbanísticos básicos e que non consta ningunha limitación urbanística ou sectorial coñecida que impida a súa incorporación ao programa.
De aprobarse a proposta no Pleno, o expediente someterase a un período de información pública de vinte días mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, co obxectivo de que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións que estimen oportunas.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, puxo en valor a importancia desta proposta e afirmou que “poñer solo municipal a disposición do IGVS é unha oportunidade para facilitar a promoción de vivenda protexida e contribuír a que máis persoas poidan acceder a unha vivenda en condicións máis accesibles”.
