O Goberno local do Concello de Monterroso colabora de novo coa Festa da Xuventude, que este 2026 cumpre dúas décadas. O cartel desta cita, que se celebrará o venres, foi presentado polo alcalde, Eloy Pérez, acompañado do equipo de Goberno, e das integrantes da comisión, a Asociación As Pequenas.
A celebración terá lugar este venres 31 de xullo e combinará diferentes actividades e unha ampla programación musical ao longo da xornada.
A festa dará comezo ás 16:30 horas no Espazo Cultural Lorenzo Varela coa celebración de xogos populares, unha proposta pensada para fomentar a participación e o ambiente festivo entre a veciñanza.
A partir das 19:00 horas terá lugar unha ruta de bares que estará amenizada pola charanga Eravisto.
Xa pola noite, desde as 00:00 horas, o protagonismo será para a música en directo co concerto do grupo Punto Clave. A celebración segue coa sesión de DJ Maikstyle e rematará coa actuación de DJ Aldan.
Concello e Asociación convidan a participar nunha das citas máis animadas do verán na Comarca da Ulloa.
