O Pleno do Concello aproba o Orzamento Municipal de 2026, o maior da historia de Monterroso

As contas, que ascenden a 4,9 millóns de euros, impulsan importantes investimentos e reforzan os servizos públicos municipais

O Pleno ordinario do Concello de Monterroso aprobou onte o Orzamento Xeral para o exercicio 2026, que ascende a 4.922.632,35 euros, o maior presuposto da historia do municipio e un documento que permitirá seguir impulsando importantes investimentos e reforzando os servizos públicos municipais.

O Orzamento foi aprobado por maioría absoluta, co voto favorable dos tres membros do equipo de Goberno e dos concelleiros non adscritos Pablo Losada e Antonio Gato, así como do concelleiro de Independentes por Monterroso (IxM), Luís Mariño Castro. Pola súa banda, os concelleiros do PSOE e do Partido Galego votaron en contra, mentres que o concelleiro do BNG optou pola abstención.

Desde o Goberno municipal expresan “o noso máis sincero agradecemento aos concelleiros que apoiaron este Orzamento, porque entendemos que souberon antepoñer o interese xeral de Monterroso a calquera outra consideración política, demostrando responsabilidade institucional e compromiso co futuro do noso Concello”.

“Nun momento no que moitas veces prevalece a confrontación política, é de xustiza recoñecer a altura de miras daqueles representantes públicos que decidiron apoiar un documento elaborado pensando exclusivamente nas necesidades da veciñanza e no progreso de Monterroso”, precisa o rexedor, Eloy Pérez.

O Orzamento mobiliza un programa de investimentos reais de 1.438.618,60 euros, unha das maiores apostas investidoras realizadas nunca polo Concello de Monterroso.

Entre as principais actuacións destacan:

•         Máis de medio millón de euros para investimentos de carácter social, destinados principalmente á reforma, ampliación e transformación da actual Vivenda Comunitaria nunha futura Residencia ou Fogar Residencial, unha actuación chamada a mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes.

•         Un importante esforzo inversor para a mellora das infraestruturas municipais, coa humanización de espazos públicos, a construción da senda peonil Sirgal-Monterroso e diversas actuacións de mellora urbana.

•         Investimentos destinados ao deporte e aos equipamentos municipais, coa mellora das instalacións deportivas e da Cúpula Municipal.

•         Actuacións para incrementar o patrimonio municipal, mediante a adquisición de terreos e a planificación futura da Peneda.

•         Novos recursos para a promoción turística, potenciando o atractivo de Monterroso como destino vinculado ao Camiño de Santiago e ao seu patrimonio.

•         O rural seguirá sendo unha prioridade, polo que as contas recollen actuacións de mellora en camiños, rozas de seguridade contra incendios, adecuación de vías municipais e recuperación de espazos naturais.

•       Fortalecemento do tecido asociativo ao que se destinan máis de 90.000 euros, cun incremento importante das subvencións nominativas destinadas a entidades culturais, sociais e deportivas para promover as súas actividades.

“Extraordinario esforzo” en políticas sociais

O rexedor precisa que este Orzamento “non destaca unicamente pola súa capacidade investidora, senón que o seu principal valor reside no extraordinario esforzo realizado en materia de políticas sociais”.

Así, o Concello destina 2.129.740,17 euros ao capítulo de persoal, garantindo os profesionais necesarios para prestar servizos esenciais como o Servizo de Axuda no Fogar, o Centro de Día, a Escola Infantil Municipal, a Ocioteca, os campamentos municipais, os programas de conciliación, Xantar na Casa, o transporte adaptado e os distintos programas de atención social.

A esta cifra súmanse 1.226.027,52 euros destinados ao funcionamento e mantemento destes servizos públicos, consolidando unha aposta clara por un modelo de Concello que sitúa ás persoas no centro da acción de goberno.

Especial importancia ten tamén o reforzo da Escola Infantil Municipal, coa ampliación do persoal para garantir unha nova aula que permita atender todas as solicitudes de praza derivadas do incremento dos nacementos rexistrado durante o último ano, unha noticia especialmente positiva para un municipio rural como Monterroso.

Posición económica privilexiada

Outro aspecto especialmente relevante é que este Orzamento se presenta desde unha posición económica privilexiada.

O Concello de Monterroso mantén unha situación de débeda financeira cero, circunstancia que permite afrontar novos investimentos con solvencia e acudir ao financiamento exclusivamente para executar proxectos que incrementan o patrimonio municipal e melloran os servizos públicos.

Desde o equipo de Goberno lembran que estes resultados “son consecuencia dun intenso traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos”.

“Os tres integrantes do Goberno municipal levan xa tres anos exercendo as súas responsabilidades sen percibir ningún tipo de salario do Concello, dedicando centos de horas de traballo, esforzo e dedicación ao servizo da veciñanza. Trátase dunha decisión persoal que responde á vontade de poñer o interese de Monterroso por enriba de calquera beneficio individual, e que entendemos acredita o compromiso co que se está desenvolvendo esta etapa de Goberno”, remarca Pérez.

“Lamentamos que non fose posible acadar un maior consenso arredor dun Orzamento que consideramos beneficioso para Monterroso. Respectamos plenamente o sentido do voto de todos os grupos políticos, pero entendemos que un documento destas características, que reforza os servizos sociais, impulsa investimentos históricos e dota ao Concello das ferramentas necesarias para atender as necesidades da cidadanía, merecía un respaldo máis amplo”.

Con todo, o resultado da votación permite que Monterroso dispoña xa dun Orzamento que garante estabilidade, investimentos, mellores servizos públicos e unha folla de ruta clara para continuar avanzando.

O equipo de Goberno afronta agora a súa execución “coa mesma ilusión, responsabilidade e dedicación que guiaron a súa elaboración, convencidos de que o verdadeiro éxito deste Orzamento non estará nas cifras, senón nas melloras que a veciñanza poida percibir ao longo dos próximos meses. Porque, por riba de calquera diferenza política, o máis importante sempre será Monterroso e o benestar dos seus veciños e veciñas”, conclúen.