Luns, 5 de agosto de 2024.- O Concello de Monterroso vén de iniciar as obras de mellora do camiño de acceso ao núcleo de Bidouredo co limpeza do espazo no que se vai actuar.
O obxecto do proxecto é dotar a ese camiño dunha capa de rodadura adecuada ao seu uso e a súa función e que evite a continua presenza de fochas que dificultan a circulación con seguridade.
A actuación supón ademais a renovación do firme, que se fará esta semana, así como a instalación de sinalización axeitada.
Subvención da Xunta
As obras terán unha duración total dun mes e teñen un presuposto de 24.500 euros. O 70% da actuación finánciase con cargo á orde da Xunta de Galicia do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. O 30% restante achégao o Concello de Monterroso.
O alcalde, Eloy Pérez, e os dous concelleiros do equipo de Goberno achegáronse ata a zona para comprobar o estado dos traballos.