Luns, 28 de outubro de 2024.- O Concello de Monterroso ultima xa os preparativos para a celebración da Feira de Santos, o vindeiro venres día 1 de novembro. Como cada ano, agárdase que esta cita, declarada de Interese Turístico Galego, reúna na localidade a miles de visitantes.
Para que todo discorra con normalidade, haberá un amplo dispositivo de tráfico e seguridade desde primeira hora do día.
Coñecida como a feira dás feiras, a de Santos é unha das citas máis tradicionais e agardadas de Galicia e ten lugar cada primeiro de novembro.
Este evento converte á localidade lucense de Monterroso no epicentro comercial da rexión, atraendo por centos de vendedores e miles de asistentes.
Un dos principais atractivos da feira é a venda de produtos de alimentación, onde teñen un especial protagonismo os produtores locais. Na Cúpula, un espazo reservado para estes comerciantes, ofrécense produtos de tempada como noces, castañas, abelás, fabas, mel, queixos e derivados do porco, entre outros.
Ademais, a feira acolle unha ampla variedade de produtos artesanais, desde roupa e calzado ata maquinaria agrícola, o que a converte nun mercado diverso e de gran calidade.
Programación
En canto á programación, está previsto que haxa feira do gando, no mercado gandeiro desde ben cedo. De seguido, o Goberno local fará a recepción de autoridades no Concello de Monterroso ás 11:00 horas. Haberá unha visita ao Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, a vila das feiras’ e un paseo polo recinto feiral.
Símbolo da identidade rural galega
A Feira de Santos de Monterroso segue sendo fiel á súa esencia tradicional, mantendo vivos os elementos culturais e sociais que a fixeron destacar desde os seus inicios. Ao longo dos séculos, a feira conservou o seu espírito de celebración popular, onde o comercio se mestura coa festa e a música tradicional, converténdose nun símbolo da identidade rural galega e nunha das citas máis destacadas do calendario festivo de Galicia.