O nome que lle deron os antigos que habitaban nestas terras está ligado ás características do relevo e provén das formas latinas, monte(m) russu(m) ou monte(m) russeu(m), aludindo ben á cor da terra, ben á cor rosácea das urces e carrascas dos seus montes. Esta denominación non aparece ata polo menos mediados do século XII onde Monterroso era o nome dun monte, que nun momento determinado pasou a denominar a un lugar de asentamento humano. É un labor bastante difícil saber cando aconteceu isto o que si sabemos é que o documento máis antigo relacionado con esta comarca é do ano 572 e refírese á confirmación da división da diocese lucense en doce condados. Segundo estudos realizados o territorio de Monterroso abranguía a comarca da Ulloa, é dicir os actuais concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei, e ultrapasaría os seus límites, polo menos nalgún momento, cara á Terra de Melide e cara ao Miño.

 

Da importancia destas terras dan boa fe a cantidade de pazos e casas señoriais existentes en todo o municipio, en cuxos muros se observan os brasóns das principais familias nobres de Galicia: Ulloa, Traba, Salgado, Noguerol e Andrade, entre outros. Tamén as 20 igrexas románicas construídas entre finais do século XII e principios do XIII fan referencia a outro feito indiscutible: a transmisión artística do Camiño de Santiago que, desde Ventas de Narón se dirixe cara a Ligonde. Os característicos cruceiros marcan o término municipal sendo algúns de gran interese como o de Lameiros, preto de Ligonde, en pleno Camiño de Santiago, ten no pedestal unha inscrición co nome de Ulloa xunto cos instrumentos da Paixón de Cristo, a continuación o fuste e o capitel coa imaxe de Cristo nunha cara e a Virxe das Dores noutra; outros cruceiros de interese son o de Fente, Frameán ou San Breixo.

 

Todo o concello é un museo de arquitectura medieval o cal resulta difícil resumir. Así pois, os monumentos máis destacados son:

 

A casa torre de Monterroso ou Pazo de Laxe, construído por Alonso de Gundín e a súa dona en 1520. Sufriu diversas reformas, ampliada posiblemente con pedras do castro de Sirgal. Consta de torre cuadrangular de tres plantas e capela con pórtico románico. Nos seus xardíns consérvanse as cadeas do señorío de Rosende, que esta casa ostentou. Pertence á familia Salgado.

 

 

A Igrexa de Esporiz, data de metade do século XIII e de estilo románico. O Pazo de Podente, que na actualidade perdeu o seu carácter para transformarse nunha casa de labranza. Conserva un bello corredor e escudos coas armas dos Rivera e os Salgado.En Bidouredo consérvanse importantes restos da Torre Pazo dos Marqueses de Castelar. Aquí sitúa Cabanillas o seu poema "A noite Castellar". A igrexa parroquial é de orixe románica, metade do século XII.

 

A Torre de Penas, unha das mellores conservadas de todo o territorio lucense, con tres plantas. O pazo co que se comunica ten escudos coas armas do Ribadeneira e Taboada. Crese que esta torre tiña por obxectivo poder comunicarse por medio de sinais coa torre de Amarante. Da Torre de Fente só quedan un montón de pedras. Foi cárcere de Monterroso e A Ulloa.

 

O monumento relixioso máis destacado que conserva Monterroso é a Igrexa de Novelúa.

 

 

 

HERÁLDICA

O día 1 de xullo de 1998, o concello de Monterroso aprobou o deseño que o xenealoxista D. Eduardo Pardo de Guevara y Valdés fixo para o escudo do municipio: seis castros e seis torres ou fortalezas existentes no municipio, e as cores vermella e amarela en recordo das armas dos Ulloa. Segundo o seu autor contémplanse nel tres aspectos significativos do pasado histórico do municipio: a cultura castrexa, a presenza de importantes casas e torres señoriais e particularmente a súa identificación histórica coa gran liñaxe dos Ulloas.