O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, e o concelleiro Balbino Martínez, recibiron onte no Concello ao rexedor de Astorga, José Luis Nieto, de visita institucional na nosa vila. O rexedor aproveitou para asinar no libro de honra da localidade e recibiu unha placa e unha edición fascimilar do Códice Calixtino por parte do Goberno local.

O alcalde de Astorga, capital da Maragatería, aproveitou a súa parada en Monterroso para coñecer a exposición 'Os Maragatos da Porta de San Pedro', que se expón no Museo 'Monterroso, A Vila das Feiras' ata  domingo. Estivo acompañado polo concelleiro do equipo de Goberno astorgano Amando Alonso, e por dous maragatos -Aureliano e María Luísa- ataviados coa vestimenta tradicional desta comarca leonesa.

Eloy Pérez recordou que Monterroso se atopa na ruta que facían os Maragatos, polo que esta visita e a exposición que se atopa no museo "son vías para reforzar as relacións coa maragatería como antesala á recuperación do Camiño Santo ou Camiño cos Maragatos", que se atopa na ruta que facían os Maragatos e moitos dos peregrinos que aproveitaban a seguridade que viaxar con arrieiros maragatos daba no seu tránsito cara a Compostela.