O concello de Monterroso ten unha gran importancia señorial e fidalga, da que dan boa fe a cantidade de pazos e casas señoriais existentes en todo o municipio, en cuxos muros podemos atopar escudos armeiros das principais familias nobres de Galicia. Dentro dos numerosos complexos arquitectónicos pódense destacar os seguintes: Pazo de Laxe, Pazo de Ludeiro (estilo gótico civil galego), Pazo de Podente, Torre de Cumbraos, conxunto de San Miguel de Penas, Casa Grande da Condesa (Ladar), en Seixos e Mundín están abandonados pero pódese apreciar a súa beleza e no Bidouredo e o dos Marqueses de Castelar. En Novelúa existen tres pazos habitados: Casa Grande de Novelúa, a de Batán e e o Pazo de Mourente que como a Casa Grande de Ligonde, son agora casas de labranza con capela propia. A continuación ímonos centrar no Pazo de Laxe e no complexo de San Miguel de Penas.

 

O Pazo de Laxe

 

Ten moita importancia xa que foi un dos xermes da vila de Monterroso. Foi construido no século XVI, ano 1520, por Alonso de Gundín e a súa esposa Beatriz Salgado, aínda que foi profundamente reformado no ano 1700, din que esta remodelación realizouse con sillares traídos do veciño Castelo de Sirgal.

O conxunto arquitectónico está formado polo pazo, un pombar, un hórreo, unha fonte e unha capela adicada a Santa Lucía, esta última datada dó século XV, comunícase co pazo a través dos xardíns, e conserva parte do pórtico romano. Nesta parte do edificio atopamos o escudo do señorío de Rosende onde está escrito o lema “Salga salire, Salga do Pidiere”, que fai referencia á disposición de enfrentarse ao perigo alí onde puidera existir.

Na porta de acceso dos xardíns do pazo, dentro dun gran frontón triangular atópanse os escudos armeiros dos Andrade, os Salgado e dos Gundín.

Arredor do pazo, no lugar da Feiravella, tiña lugar antigamente a feira. Pazos coma este foron inspiración de Emilia Pardo Bazán para a súa obra máis famosa “Os Pazos de Ulloa” no que retrata a sociedade galega no século XIX.  

 

 

 

 

 

 

 

 

Pazo – Torre San Miguel de Penas

 

Este pazo dátase no século XVI, con reformas no XVII e XVIII, aínda que se comezou a construir na alta idade media alá polo século VIII.

Aínda hoxe, o lugar conserva a impronta arquitectónica do que foi o señorío histórico, coa igrexa, a torre e o pazo, cada un deles de diferentes etapas.

Ten escudos armeiros dos Arias, dos Taboada e dos Ribadeneira. A planta ten forma de “L”, a partir da torre cadrada á que se lle adosa o pazo barroco, construido sobre dependencias anteriores. Os muros son de cachotería e cadeirado de granito, e a cuberta de tella a dúas e catro augas.

A torre ten tres plantas e semisoto ademais de varias fiestras con arcos treboados. Dícese que estaba comunicada por medio de sinais coas torres do castro de Amarante.

A casa consta dunha planta con patín e cheminea. O conxunto está pechado por un muro con portalón adintelado de acceso, con un escudo a cada lado da porta.

Neste Pazo – Torre aloxáronse a raíña Doña Urraca e o seu marido Alfonso I, o batallador, conta a crónica que o rei executou ao alcalde do Castelo de Monterroso como represalia pola rebelión dos señores monterrosinos contra os monarcas. O poeta Ramón Cabanillas recolleu esta historia no poema “A noite do Castelar”.

Na actualidade o pazo pertence, trala compra do marquesado de Camarasa, á actual casa ducal dos Medinaceli.