O Concello de Monterroso inicia as obras de asfaltado do camiño de acceso dende a N-640 en dirección Areosa. Esta primeira fase inclúe o aglomerado ata o lugar de Lentil e o ramal de Lamaretorta.
Faranse obras de mellora de reforzo do firme existente coa incorporación dunha nova capa de aglomerado en quente, adecuado ao tráfico rodado que soportan.
Tamén se levarán a cabo obras de mellora da drenaxe coa limpeza de foxo con motoniveladora. Proxéctase ademais a mellora da sinalización das interseccións, en especial coa estrada N-640 coa instalación de sinais horizontais e verticais.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, destaca a importancia destas obras do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024-2025 “que permitirán un mellor acceso ás explotacións, o que facilitará a actividade agrícola e gandeira na zona”.
A actuación, solicitada á Xunta a través do AGADER, está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).