Luns, 31 de xullo de 2023.- O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, o seu equipo e técnicos municipais mantiveron unha reunión cos técnicos da empresa adxudicataria da redacción do proxecto de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Monterroso (EDAR), na que tamén estiveron presentes técnicos de Augas de Galicia.
Durante a xuntanza a empresa redactora do proxecto informou ao alcalde do avanzado que está o proxecto e das distintas alternativas de emprazamento das novas instalacións que requirirán que o Concello de Monterroso dispoña de máis terreo, pois o que ten actualmente non é suficiente para albergar a nova planta. O rexedor comprometeuse a estudar estas opcións de xeito detallado.
Investimento de máis de dous millóns de euros
A actuación suporá unha inversión de máis de dous millóns e medio de euros por parte de Augas de Galicia e tamén un gran avance na solución dos problemas que ten actualmente o Concello de Monterroso para o tratamento das augas residuais da vila que son tratadas na actual EDAR, que finalmente se verten ao río Ulla.
Solucións aos problemas da actual EDAR
O incremento da poboación da vila e tamén a incorporación do saneamento do centro penitenciario ao sistema de colectores da rede municipal fixo que actual EDAR non teña capacidade suficiente para tratar as augas residuais de Monterroso, e en épocas de moita pluviometría se produzan problemas para poder tratar as augas residuais, de xeito que as novas instalacións virán a solucionar en gran medida este problema.
Este investimento foi un dos compromisos que adquiriu o actual alcalde, Eloy Pérez, cando formou parte xa do anterior equipo de Goberno do Concello de Monterroso, “inversión que, salvo imprevisto, pronto se verá materializada contribuíndo desta maneira á mellora e respecto polo medio ambiente”, subliña o rexedor.