Luns, 10 de marzo de 2025.- O Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ ten desde hai uns días un novo portal informativo que vai servir de escaparate para todo o contido que ten no seu interior. Pódese consultar en dous idiomas, galego e castelán.

Así, en https://museodemonterroso.org/ pódese obter información actualizada sobre o propio museo, as salas ou o horario de visita.

A páxina web fai un percorrido exhaustivo por cada unha das salas do Museo con imaxes do que podemos atopar en cada unha delas. Tamén hai un apartado multimedia cos paneis que integran cada unha das salas do museo e un espazo de novas con información actualizada.

Ademais, pódese atopar o contacto do Museo e un enderezo para todos aqueles que decidan programar unha visita a este Centro de Interpretación de gran valor cultural da Comarca da Ulloa. A web tamén conta cun apartado sobre a propia Feira de Santos e a súa historia con recursos audiovisuais de gran valor.

Trátase, en palabras do alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, “de poder facer unha primeira visita virtual a través deste completo portal, que anime á visita física ao Museo. Tamén, engade, unha fonte de información para os estudosos que poidan ter interese nos restos históricos que recolle o Museo ou na Feira de Santos”.

A Vila das Feiras’

O museo alberga restos históricos de diferentes épocas, algúns prehistóricos e outros atribuíbles a diferentes etapas e movementos artísticos, e de moi diferentes temáticas, como culinaria, espiritual, festiva, artística ou documental, entre outras. Este proxecto expositivo está pensado para todos os públicos.

Situado no antigo centro de saúde, o centro dispón de tres andares que permiten unha exposición permanente, exposicións temáticas, almacén ou un arquivo documental.

Pode visitarse, de xeito gratuíto, os días 1 de cada mes, coincidindo coa Feira de Monterroso.

Para as visitas organizadas, pódese chamar ao número 982 831 303.