A incidencia provocou que algunhas vivendas permaneceran sen enerxía eléctrica desde arredor do mediodía ata pasadas as sete da tarde
O rexedor pon a disposición dos afectados a Oficina Municipal de Información ao Consumidor onde poden informarse para cursar as súas reclamacións
O Concello de Monterroso trasladará unha reclamación formal á empresa distribuidora de enerxía eléctrica polos reiterados cortes de subministro rexistrados durante a xornada do 9 de setembro de 2026 en diferentes puntos do municipio.
Segundo a información recibida polo Concello ao longo da xornada, os cortes afectaron tanto ao casco urbano como a diferentes núcleos rurais. Nalgunhas rúas o subministro permaneceu interrompido durante varias horas, mentres que noutras zonas se produciron sucesivos cortes e reposicións da enerxía ao longo do día.
A situación ocasionou numerosos inconvenientes á veciñanza, así como a establecementos de hostalería, comercios, empresas e explotacións gandeiras, algunhas delas especialmente dependentes dun subministro eléctrico continuo para o funcionamento das súas instalacións.
En varios núcleos rurais do municipio, segundo as incidencias trasladadas ao Concello, houbo vivendas que permaneceron sen enerxía eléctrica desde arredor do mediodía ata pasadas as sete da tarde.
O alcalde de Monterroso púxose en contacto telefonicamente coa distribuidora a través do servizo habilitado para a comunicación de incidencias e avarías. Porén, da conversa mantida non foi posible obter unha explicación concreta sobre a orixe das interrupcións, a existencia dunha avaría nin unha previsión clara sobre a reposición do servizo.
Desde o Concello considérase especialmente preocupante que, malia os cortes efectivamente sufridos pola cidadanía, estes non aparecesen reflectidos de maneira clara no mapa de incidencias consultado.
Reclamación formal
O alcalde anunciou que o Concello remitirá unha reclamación formal á compañía distribuidora para solicitar unha explicación detallada do sucedido e reclamar as actuacións necesarias para mellorar a fiabilidade e a calidade das redes de distribución eléctrica no municipio de Monterroso.
O Concello reclamará igualmente un servizo de atención de incidencias e avarías realmente operativo, que permita facilitar aos usuarios información concreta sobre a súa zona, a orixe da incidencia e unha estimación razoable dos prazos de reposición do subministro.
Desde o Goberno municipal considérase pouco razoable que os usuarios dunha rede de distribución situada en Galicia teñan que depender exclusivamente dun servizo xeral incapaz, en determinadas ocasións, de ofrecer información básica sobre a localización da incidencia ou sobre o municipio afectado.
O Concello solicitará por iso que a compañía dispoña dunha atención técnica suficientemente especializada para Galicia, con persoal que coñeza o territorio, a estrutura da rede e os municipios aos que presta servizo.
Así mesmo, o alcalde lembra que, cando os cortes sexan consecuencia de traballos programados de mantemento ou mellora da rede, a normativa obriga á distribuidora a informar previamente aos consumidores afectados. O Real decreto 1955/2000 establece actualmente unha comunicación mínima de 24 horas de antelación, coa indicación da hora prevista de inicio e finalización do corte.
Á Oficina Municipal de Información ao Consumidor, ao dispor dos afectados
Finalmente, o Concello informa de que as persoas que sufrisen danos en aparellos eléctricos ou outros prexuízos como consecuencia das interrupcións poden dirixirse á Oficina Municipal de Información ao Consumidor, situada na planta baixa do Centro Sociocultural, onde poderán recibir asesoramento para tramitar a correspondente reclamación.
O Concello de Monterroso seguirá trasladando á distribuidora todas aquelas incidencias que afecten á calidade e continuidade dun servizo esencial para os fogares, comercios, empresas e explotacións gandeiras do municipio.
