José Rojo pronunciou esta noite o pregón das Festas de San Miguel 2026 de Monterroso

José Rojo destacou que Monterroso é o seu lugar no mundo, “onde levo vivindo a maior parte da miña vida e onde quero seguir estando”. O encargado de pronunciar o pregón, natural de San Miguel de Penas, onde naceu e se criou, referiuse a Monterroso como “unha vila acolledora, cunha riqueza histórica, paisaxística, natural, gastronómica ou cultural incomparable”. 

Subliñou que Monterroso é “terra de encontro nas festas e nas feiras” e lembrou que un dos seus grandes recordos de neno é acudir ás feiras de Monterroso polo Camiño Real co seu pai cada día 1 vender o becerro para despois comer o pulpo, que daquela custaba catro pesos por ración. 

Tivo palabras de recordo para o párroco Don Carlos Méndez, quen deixou o seu legado ao Museo e Centro de Interpretación, Monterroso a vila das feiras; para o seu predecedor, Don Carlos, así como para o crego e poeta Teolindo Cortiñas. 

“O mellor de Monterroso son (somos), sen dúbida, os seus veciños. Persoas amables, preocupadas unhas polas outras e activas. Así o demostra o seu importante movemento asociativo, que revolucionou e continúa revolucionando (e alegrando) a nosa vida diaria e a de quen pasa pola vila”, concluíu.