O camiño de Santiago permitiu a proliferación de numerosas igrexas románicas, arredor de vinte, repartidas por todo o municipio, a maioría dos séculos XII e XIII entre as que sobresae pola súa beleza, o templo de Novelúa.

Outras son as de Bidouredo, San Martiño de Cumbraos, San Martiño de Fente, San Cibrán de Ferreirós, San Pedro de Frameán, San Xoán de Lodoso, Santa María de Pedraza que só conserva os canzorros románicos no beirado, San Miguel de Pol, San Salvador de Sambreixo que ademáis conserva restos de pinturas muráis do século XVI, San Miguel de Penas, Santa María de Sucastro, Santa María de Tarrío, San Pedro de Vilanova coas súas sepulturas antropoides excavadas na rocha e San Cristovo de Viloíde; tamén documéntanse restos prerománicos na capela de San Lourenzo de Pedraza, quizais procedente dun antigo templo do século X. Por último cabe citar as capelas de A Graña e Mourente.

A continuación imos analizar as de máis relevancia no municipio.

 

Novelúa

 

Esta vila ten vestixios patrimoniais moi importantes, tales como dous antigos castros. Nun deles localízase a igrexa parroquial, unha das máis importantes do concello, datada no século XII, XII e reformada no XVIII. Trátase dunha xoia do románico galego.

Ten unha nave rectangular con ábsida tamén rectangular. Os muros son de cachotería e cadeirado de granito, e a cuberta é de pizarra a dous e catro augas.

A portada ten un arco de medio punto abucinado, con tres arquivoltas con columnas de tres ordes e uns capiteis con formas vexetais e zoomorfas moi ben rematados.

No seu interior podemos observar un banco corrido de pedra. Na nave, de bastante altura, destacan unhas pinturas murais ben definidas que decoran todo o conxunto do arco triunfal. Os capiteis deste teñen unhas formas moi elaboradas; o do lado esquerdo amosa tipoloxía vexetal, mentres que o dereito presenta un capitel historiado. Segundo Jaime Delgado este capitel presenta a Sansón destruíndo o templo dos filisteos.

Se nos fixamos na ábsida podemos observar unha xanela que exteriormente contén unha celosía de arte preromana. Así mesmo, na parte interior pódense atopar pinturas murais de diferentes épocas, destacando a da última cea na parte circular da ábsida.

A torre-campanario de tres corpos complementa este complexo arquitectónico que mistura arte civil e relixiosa.

 

 

 

 

 

Igrexa de San Martiño de Cumbraos

 

Do século XII, conserva case intacta a fábrica orixinal. Nave rectangular con muros de cachotería e cadeirado de granito, e a cuberta en tella a dúas augas.

A portada ten un arco de medio punto de arquivolta tórica, columnas con fustes dunha peza, capiteis decorados e tímpano liso. Nos muros exteriores, baixo o aleiro, aparecen canzorros con variadas decoracións. Espadana dun só van.

No interior conserva unha pía bautismal de granito, con decoración de sogueado no bordo superior. O retábulo maior é de estilo Rococó, cunha inscrición: “Este retablo se pintó siendo cura el S. D. Manuel Castro Pérez en el año 1878″. Na liña do arco triunfal hai dous enterramentos pertencentes á Casa da Torre (nas inmediacións), cunha pedra armeira pertencente á casa.

 

 

 

 

Igrexa de San Martiño de Fufín

 

Edificio de planta de salón, muros de cachotería e cadeirado de granito, e cuberta de tella a dúas augas.

Na portada occidental ten unha simple arquivolta con chambrana axadrezada.

A portada principal románica, conserva a porta con arquivolta tórica, columna dunha soa orde, capiteis zoomorfos e tímpano liso sobre mochetas decoradas. Remata a portada unha espadana dun só van.   

 

 

 

 

Igrexa de San Xóan de Lodoso

 

Esta igrexa está datada no primeiro cuarto do século XIII, tan só conserva do edificio románico unha parte dos muros laterais e o testeiro da capela.

Nun dos laterais hai que destacar un curioso canzorro en forma de coello, animal pouco frecuente na iconografía románica do sur de Lugo. No mesmo lateral consérvase unha inscrición na que se le “PALIO”. Enriba dunha fiestra pódese apreciar outro canzorro dun animal, suponse que é un felino cun rolo entre os dentes.

 

 

 

 

Igrexa de San Salvador de Sambreixo

 

Construción de finais do século XII principios do XIII, de orixe románica. En 1918 sufriu varias reformas as cales variaron a planta da igrexa ao serlle agregada a sacristía no muro norte do presbiterio.

Os muros son de cachotería e cadeirado de granito. A cuberta é de tella a dúas augas. A porta principal é de arco de medio punto, con dúas arquivoltas de sección rectangular con baquetilla na arista, dúas ordes de columnas acodilladas con capiteis moi esquemáticos, a fachada está rematada con cunha espadana de dous vans.

No muro da nave consérvanse canzorros xeométricos e unha saetera1. Na capela maior consérvanse restos de pinturas murais tralo retábulo de arte neoclásico, aínda que non están ben conservados. Recollendo o que escribe Jaime Delgado na “Gran Enciclopedia Galega” di que: “en los parámetros de la nave de la iglesia parroquial, románica, se conservan fragmentos de pinturas murales, posiblemente del siglo XVI, con representaciones de los misterios de Cristo, como la Adoración de los Reyes Magos, el Nacimiento de Cristo y otros”.

1 Saetera: abertura vertical, larga e estreita no muro, xeralmente de carácter defensivo

 

 

 

 

Igrexa de Santa María de Sucastro

 

É de estilo románico, da segunda metade do século XII. A nave e a ábsida son rectangulares, os muros son de cachotería e cadeirado de granito e a cuberta de tella a dúas augas.

O arco triunfal é de medio punto en sección rectangular, con guarnición de billetes e columnas con capiteis sinxelos. O arco da portada principal foi substituído por un dintel, aínda que permanecen as columnas dunha orde con capiteis zoomorfos.

A porta sur é de arco de medio punto con columnas acodilladas e capiteis con motivos zoomorfos. O frontis está rematado cunha espadana dun só van.

 

 

 

 

 

Igrexa de Santiago de Bidouredo

 

Igrexa de estilo románico dunha soa nave e ábsida rectangular, construída na segunda metade do século XII.

No muro sur, construción de fortes sillares, ábrese unha saetera con derrame cara ao interior. Na cornixa atopamos canzorros de punta de proa con escasa decoración.

No muro norte ábrese unha saetera e unha sinxela portada; no que se pode apreciar as pedras saíntes sobre as que se apoiaba o pórtico primitivo.

A portada occidental é a obra máis interesante de todo o conxunto. Podemos atopar os casetones na arquivolta de medio punto, dúas ordes de columnas con capiteis de decoración vexetais e o tímpano adintelado sobre mochetas2, así como a espadana dun só van.

2 Mochetas: ángulo que resulta ao atoparse o plano inferior dun elemento arquitectónico horizontal cun paramento vertical, por exemplo o tímpano coa batente.

 

 

 

 

Igrexa de San Miguel de Esporiz

 

Pertence á segunda metade do século XII, de estilo románico, aínda que foi reformada no século XVI e o presbiterio no século XIX.

Ten unha nave rectangular cunha ábsida cadrada e sacristía conectada á esquerda do presbiterio.

Os muros son de cachotería e cadeirado de granito, e cuberta de tella a dúas augas. Na nave, a portada principal é de medio punto, con arquivoltas interiores, decoración de arquillos y bandas no exterior, con dúas ordes de columnas e fustes estriados con bolas. Os capiteis están decorados con formas zoomorfas e vexetais. A portada sur ten un arco de medio punto oculto no exterior por un tímpano adintelado.

No beirado do tellado consérvanse varios canzorros de decoración variada. O arco triunfal é de medio punto, de aresta viva e guarnición de escocia e axadrezado, apoiado en columnas dunha orde e capiteis de ornamentación variada.

Nos muros laterais da nave hai varios arcosolios3 con pedras de armas, que foron rematados no ano 1558.

O tímpano apoiase sobre dúas mochetas con testa de bóvidos e preséntannos un dintel bilobulado cunha cruz de brazos iguais.

3 Arcosolios: tumbas que foron utilizadas para personaxes importantes.

 

 

 

 

Igrexa de Santa María de Pedraza

 

Edificio con restos da estrutura románica, aínda que foi reedificada no século XIX. Ten planta de cruz latina con nave rectangular dividida en dous tramos, brazos rectangulares de pequenas dimensións, presbiterio cadrado e sacristía adosada a este no lado esquerdo con acceso dende o exterior desde o presbiterio. Os muros son de cachotería e cadeirado, e a cuberta de tella a dúas augas.

Na nave dispón dunha portada adintelada, ademais de varios canzorros pertencentes a obra románica. O frontis ten portada adintelada e culmina cunha espadana de dous corpos e balaústre de pedra na parte traseira na que se accede dende unha escaleira exterior que se asenta sobre o muro dereito da nave. Destacan no seu interior dous retablos laterais de estilo neoclásico.

 

 

 

 

Igrexa de San Lourenzo

 

Templo románico máis antigo do municipio (inscrición de 1127). Ten importantes reformas dos séculos XVIII e XIX. A nave ten planta de cruz latina, cunha ábsida rectangular e sacristía adosada. Os muros son de cachotería e cadeirado de granito, a cuberta é de tella a dúas augas.

A portada principal con porta de arco de medio punto e rematada en espadaña de dous corpos dun só van e balaústre de pedra, con escaleiras de acceso desde o exterior. No muro norte da nave consérvanse na actualidade cinco canzorros da obra románica. Os retábulos que se conservan nas capelas laterais son de estilo neoclásico.  

 

 

 

 

 

Igrexa de San Pedro de Frameán

 

Obra románica do século XII, que conserva a planta primitiva. A nave e a ábsida son de planta rectangular, e os muros que a conforman son de cachotería e cadeirado de granito, con cuberta de tella a dúas augas.

Na ábsida consérvase unha fiestra con arco de medio punto perfilado de batequiña con guarnición de axedrezado, que pola parte interior ábrese có arco peraltado e bordo de bocel.

Consérvanse canzorros lisos cunha decoración xeométrica tanto no exterior dos muros coma na nave.

A portada principal rematada cunha espadana de dous vans, foi remodelada recentemente, substituíndo a de estilo románico.

 

 

 

 

Igrexa de Viloíde

 

Edificación do século XII, con reformas posteriores. A nave é rectangular, con ábsida cadrada e a sacristía pegada ao alzado sur da nave. Os muros son de cachotería e cadeirado de granito, e a cuberta de tella a dúas augas. Na ábsida consérvanse canzorros de diferentes formas.

A portada principal ten un tímpano liso sobre xambas, e está rematada cunha espadaña dun só van.