O Museo e Centro de Interpretación 'Monterroso, a vila das feiras' estará aberto o día 1 de setembro en horario de 11:00 a 13:00 horas para quen queira visitalo.
O Concello de Monterroso decidiu abrilo ao público todos os días 1, coincidindo coa feira mensual, ata que se determine o novo horario de apertura continuado.
O museo alberga restos históricos de diferentes épocas, algúns prehistóricos e outros atribuíbles a diferentes etapas e movementos artísticos, e de moi diferentes temáticas, como culinaria, espiritual, festiva, artística ou documental, entre outras. Este proxecto expositivo está pensado para todos os públicos.
Situado no antigo centro de saúde, o centro dispón de tres andares que permiten unha exposición permanente, exposicións temáticas, almacén, obradoiro de restauración e intervención das pezas que o necesiten ou un arquivo documental.
Aqueles grupos que desexen facer visitas guiadas deben poñerse en contacto co Concello de Monterroso para concertar data e hora.