Xoves, 2 de maio de 2024.- O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, vén de manter unha reunión en Santiago con varias das responsables do Servizo de Museos para iniciar os trámites para que o Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, A Vila das Feiras’, pase a formar parte do Sistema Galego de Centros Museísticos.
Na reunión, que se celebrou no Gaiás, á que o rexedor acudiu acompañado pola directora do Centro de Interpretación, María José Alvite, tamén estiveron presentes María Carmen Calviño, subdirectora xeral da Consellería, Marta Bermúdez, xefa do Servizo de Museos e Marta Pérez, traballadora do Servizo de Museos.
Desde o Goberno galego indicáronlles aos responsables municipais os pasos a seguir para que ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ poida entrar na rede galega de entidades musealizables. Esta incorporación traería consigo unha maior promoción deste espazo no que se recolle a evolución da feira máis importante do municipio, con máis de oito séculos de vida, ao tempo que se pode facer un percorrido pola historia de Galicia desde o neolítico ata o século XX.
Pasos a seguir
Para levar a cabo proceso é preciso dar cumprimento á Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia na que se explica o procedemento a seguir para darlle ao Centro de Interpretación de Monterroso esta entidade quen terá que ser validada pola Xunta de Galicia e publicado no DOG.
O Goberno local traballa xa para remitir a documentación precisa, entre a que se atopa un plan museolóxico, un inventario ou o orzamentos anual de gastos, entre outros requisitos. Agardan poder tramitar a petición antes do verán.
Que suporá?
Formar parte desta rede de museos suporá participar nas liñas específicas de axudas que poida establecer a consellaría competente en materia de centros museísticos, de acordo cos principios de publicidade e concorrencia, dirixidas á creación e ao desenvolvemento de actuacións que tendan a facilitar a conservación, a seguranza, a documentación ou a difusión dos centros.
Tamén se poderá obter asesoramento dos servizos administrativos e técnicos da consellaría con competencias en materia de centros museísticos.
Terase prioridade en todas as accións de colaboración que poida establecer a Comunidade Autónoma, de acordo cos principios de publicidade e concorrencia, en materias tales como documentación, conservación e restauración de fondos museísticos, investigación, estudos ou difusión.
Poderase participar en accións formativas de todo tipo relacionadas cos centros museísticos.
Tamén se vai ter prioridade na recepción de depósitos dos fondos que sexan titularidade da Comunidade Autónoma, así como na participación en accións de carácter itinerante que se organicen coa intervención da Comunidade Autónoma.
Ademais, poderase participar en todas as accións de promoción cultural e turística da Comunidade Autónoma e poderase empregar os distintivos de identificación que, de ser o caso, poida adoptar o Sistema galego de centros museísticos.