Persoal municipal do Concello de Monterroso levou a cabo hoxe a limpeza do vertedoiro incontrolado de Sucastro, ante a gran cantidade de refugallos que se almacenaban á beira da estrada.
O Concello de Monterroso prohibe os vertidos neste espazo, polo que se vai proceder ao peche da zona, ao tempo que as autoridades competentes sancionarán aos responsables dos vertidos.
O Goberno local anuncia ademais que dotará ao punto limpo municipal dun sistema de videovixilancia para evitar danos nas inmediacións e vertidos inapropiados na súa contorna.
Recórdase tamén que está prohibido depositar calquera tipo de residuos en vertedoiros incontrolados ou en calquera outra zona do Concello que non estea debidamente habilitada para esta fin.
O Goberno local lémbralles aos veciños e veciñas que o Concello dispón dun punto limpo para a xestión de residuos voluminosos, tales como electrodomésticos fóra de uso, televisores ou plásticos, entre outros.
As persoas interesadas teñen que tramitar a solicitude de recollida no Concello de Monterroso e os operarios municipais son os que recollen os refugallos e os depositan no punto limpo. Tamén existe a posibilidade de que os veciños e veciñas os leven eles mesmos ata o punto limpo. O horario habitual é os venres de 10:00 a 13:00 horas.